Estas 5 rapazas…

De quen veñen sendo?

A que se dedican?

Como acabaron aquí?

Se estás neste apartado, é porque che pica a curiosidade, non o negues. Así que imos resumir a nosa historia e como chegamos a coñecernos.

Vivimos en distintos lugares de Galicia:

  • O Vicedo
  • Castro de Rei
  • Ourense
  • Sarria
  • Oleiros

As distancias non son un problema para nós, senón unha vantaxe que nos permite abarcar máis zonas.

As nosas actividades cotiás tamén son variadas:

  • Universitaria
  • Saxofonista de banda
  • Modelo de pasarela
  • Cantante de orquestra
  • Gaiteira

A diversidade de habilidades e coñecementos amplían o horizonte de gustos persoais no grupo.

E estes son os nosos signos do zodíaco:

  • Escorpio
  • Tauro
  • Cáncer
  • Libra
  • Escorpio

Coa influencia astral tan variada, conseguimos ter sempre a sorte do noso lado.       

Como pasatempo, podes intentar relacionar os puntos das tres listas anteriores, a ver se sabes quen é quen: Paula, Bea, Marta, Leti e Lara.

Que temos as cinco en común?

Coñecímonos participando nun concurso de cantantes chamado Recantos, dentro dun programa da Televisión de Galicia chamado Luar.

Compartimos moitas emocións durante meses e iso une moito, tanto que decidimos comezar este proxecto xuntas para ir descubrindo o mundo da música actual en Galicia a través dos seus protagonistas.

Cal é o noso reto?

Sabemos que temos moito que aprender e estamos dispostas a traballar duro para conseguir o noso propósito: publicar unha microentrevista diaria de luns a venres.

Buscaremos músicos de tódolos estilos con proxectos en marcha, artistas de outras disciplinas que ofrezan a súa obra ó redor da música e programadores de actuacións en vivo en calquera tipo de espazo.

Pediremos que nos falen do seu traballo e facilitaremos o seguimento da súa actividade a través da web e redes sociais.

O entusiasmo é contaxioso

As primeiras entrevistas serán peores que as seguintes, normal. Iso quererá dicir que melloramos coa experiencia. O importante é non parar de intentalo. Queremos estar no lugar adecuado, no momento preciso e non perderemos esta oportunidade que se nos presenta coa fervenza musical que estamos vivindo. O lugar é Galicia e o momento é agora

Non estaremos soas facendo este camiño, queremos que nos acompañes. Necesitamos rodearnos de enerxía positiva e por iso pedimos que nos axudes na viaxe aportando o teu ánimo, as túas opinións para mellorar e os coñecementos que tés desde o teu punto de vista.

Os soños son para compartir.